Saturday 27 de April de 2024

O Concello recupera a Cea do Deporte, que homenaxeará este sábado a entidades e referentes deportivos da cidade


Durante a celebración, que terá lugar este sábado no Palacio dos Deportes de Riazor, homenaxearase a Juan Copa, adestrador do Hockey Club Liceo; Irene Martínez, do Club Halterofilia Coruña; e ao colexiado Carlos Cortés

O Palacio dos Deportes de Riazor acollerá mañá, sábado 25 de xuño, a Cea do Deporte, unha cita histórica do calendario da cidade que pon o peche á tempada de actividades nas Escolas Deportivas Municipais.

A alcaldesa, Inés Rey, asistirá mañá ao evento, recuperado este ano polo Goberno municipal tras sete anos de ausencia, co obxectivo de poñer o colofón ao curso das Escolas Deportivas Municipais e homenaxear o traballo e traxectoria dos deportistas e entidades máis destacados do municipio. Será, en definitiva, unha noite de festexos para poñer en valor o dinamismo e actividade do tecido deportivo local.

Neste sentido, e xa nos prolegómenos da cea, ás 21.45 horas, terá lugar a entrega de galardóns. En primeira instancia premiarase a Irene Martínez Santiago, atleta do Club Halterofilia Coruña que se proclamou campioa de España de halterofilia en 59 kg., acadando o seu décimo terceiro título en 14 anos. A continuación, e xa na categoría que recoñece ao mellor adestrador, homenaxearase ao coruñés Juan Copa, á fronte do Hockey Club Liceo que se proclamou campión da OK Liga 2021-22 a semana pasada. Ademais, e na categoría que recoñece ao mellor xuíz ou árbitro, Inés Rey entregará o premio ao
colexiado Carlos Cortés Rey, que nesta tempada superou o medio milleiro de encontros arbitrados na Liga ACB de baloncesto.

Tamén haberá tempo para homenaxear a un clásico do fútbol da cidade, o Sin Querer, que recibirá unha mención especial polo centenario da fundación do clube. De seguido, e xa para rematar, a alcaldesa entregará dúas mencións especiais a Purificación Fernández Casal e Jesús López Castaño, dous dos usuarios máis lonxevos das Escolas Deportivas Municipais.